Coa ilusión renovada e moitas ganas de traballo, o Valinox Novás iniciou na tarde de hoxe a súa primeira sesión de adestramento da tempada 2025/26. O Municipal do Rosal volveu vestirse de curto para recibir aos xogadores do primeiro equipo, nunha xornada marcada pola intensidade, a expectación e a nova dirección de Guillermo Artime á fronte do banco. Tras un breve descanso de verán, o conxunto rosaleiro volveu á carga cun grupo practicamente renovado e con moitas caras novas, pero coa mesma ambición que caracterizou ao club nas últimas campañas. O obxectivo deste novo curso é claro: seguir medrando como equipo, competir ao máximo en cada encontro e manter a identidade que converteu ao Valinox Novás nunha referencia dentro do 40×20.

A sesión comezou cunha charla técnica do novo adestrador, na que marcou as liñas mestras do traballo que se desenvolverá durante a pretempada. Guillermo, que afronta a súa primeira experiencia como técnico principal do Valinox Novás, amosouse motivado e con ideas moi claras: “Comezamos un novo camiño con humildade, pero tamén con ambición. Este é un equipo que demostrou carácter nas últimas tempadas, e queremos seguir por esa senda, reforzando as nosas sinais de identidade e medrando como grupo”. O corpo técnico deseñou un plan de preparación física e táctica que se desenvolverá ao longo do mes de agosto, con partidos amigables e varias actividades enfocadas a reforzar a cohesión do grupo. O obxectivo é chegar nas mellores condicións posibles ao arranque oficial da competición, previsto para o mes de setembro.

Ademais dos xogadores xa coñecidos pola afección, este primeiro adestramento serviu para ver en acción ás novas fichaxes, que tiveron a súa primeira toma de contacto coa dinámica do equipo e co entorno do club. Tamén se incorporaron varios canteiráns que formarán parte da dinámica do primeiro equipo durante a pretempada, confirmando o compromiso do Valinox Novás co desenvolvemento do talento local. O club confirmou que nos vindeiros días anunciarase o calendario completo de partidos amigables, así como outras actividades abertas ao público. Mentres tanto, o Valinox Novás segue traballando coa vista posta en chegar ao 100% ao inicio da liga.

A tempada 2025/26 xa comezou no Rosal. O balón volve botar, as pernas a correr e o escudo a latexar con forza. O Valinox Novás arrinca unha nova etapa coa mesma paixón de sempre e o firme desexo de seguir facendo historia.