O Valinox Novás continúa perfilando o seu cadro para a próxima campaña coa incorporación de Isma Gómez (Cidade Real, 2000), que se converte na cuarta fichaxe confirmada do club para a tempada 2025/2026. O central chega procedente do Saeplast Cañiza e está chamado a ser unha das pezas clave na dirección do xogo do renovado equipo rosaleiro.

A pesar da súa mocidade, Isma acumula unha notable experiencia na Primeira Nacional, categoría na que disputou as últimas campañas. Formado na canteira do Balonmán Cidade Real, deu o salto a nivel estatal co Levante Marni, onde militou durante catro tempadas. Na súa etapa no conxunto valenciano participou nunha fase de ascenso a División de Honra Prata, demostrando a súa capacidade para competir ao máis alto nivel da categoría. Posteriormente recalou no Balonmán Vetusta antes de chegar a Galicia para defender as cores do Saeplast Cañiza durante o curso 2024/2025.

Gómez destaca pola súa intelixencia táctica, capacidade de liderado sobre a pista e visión de xogo, cualidades que lle permitiron superar con regularidade o cento de goles por tempada nos últimos catro anos. O seu perfil encaixa á perfección no estilo de xogo que pretende implantar o corpo técnico do Valinox Novás de cara a unha tempada que se presenta ilusionante. Con esta incorporación, o club segue avanzando na confección dun cadro competitivo que permita afrontar con garantías os retos do novo curso. Nos vindeiros días daranse a coñecer novas incorporacións e renovacións.