O Valinox Novás continúa reforzando o seu cadro de xogadores de cara ao ilusionante regreso á Primeira Nacional.Neste contexto, o club confirma a incorporación do central madrileño Nico López Rey, quen volve ao Rosal nove anos despois da súa etapa no equipo durante parte da tempada 2016/2017. Aos seus 31 anos, Nico chega cunha ampla traxectoria ás costas e unha notable experiencia nas principais categorías do balonmán estatal. Trátase dun xogador con gran capacidade ofensiva, que achegará liderado, lectura de xogo e un elevado ritmo competitivo ao conxunto dirixido por Guillermo Artime.

Formado nas categorías inferiores do Balonmán Alcobendas, o central defendeu as cores dalgúns dos clubs máis representativos do panorama nacional, como Guadalajara, Cidade Encantada, San José Obrero, Villa de Aranda, Los Dólmenes e, máis recentemente, Fertiberia Puerto Sagunto. O seu percorrido inclúe numerosas tempadas en División de Honra Prata e varias experiencias na máxima categoría, a Liga ASOBAL. Ademais, foi convocado en diferentes etapas polas seleccións autonómicas e nacionais de base, o que avala a calidade e o potencial que sempre demostrou sobre a pista.

Alén da súa achega como xogador do primeiro equipo, Nico López Rey tamén colaborará coas categorías inferiores do club, reforzando así o compromiso do Valinox Novás coa formación da canteira e o crecemento do proxecto a longo prazo. A súa conexión co municipio e coa entidade nunca se rompeu desde aquela breve pero significativa etapa en 2016, o que fai que este regreso teña un compoñente emocional importante tanto para el como para a afección do Municipal.

O club celebra a súa volta e dálle a benvida coa seguridade de que a súa incorporación achegará calidade, experiencia e compromiso nesta nova etapa.