A plantilla de División de Honra Prata do Valinox Novás, acompañada polo presidente Andrés Senra, realizou unha visita especial ás instalacións do seu novo patrocinador, Nebrinox, situadas  no Porto do Molle en Nigrán.

Nun xesto significativo para o club, Ángel Rodríguez, responsable de produción e oficina en Nebrinox, recibiu ao equipo para mostrarlles as instalacións e detallarlles o proceso de produción na nave. Posteriormente, Ángel Rodríguez e Andrés Senra formalizaron o acordo de patrocinio para o que resta da tempada, marcando así un fito importante para o impulso do club. A identidade de Nebrinox estará representada tanto no equipamento de xogo como na pista de jogo con dous vinilos no 40×20, fortalecendo a presenza da marca no ámbito deportivo local.

Tivemos a oportunidade de conversar con Ángel Rodríguez sobre o significado deste patrocinio para Nebrinox e as súas expectativas respecto a esta nova alianza. Rodríguez expresou: “Para Nebrinox, con este acordo pretende darlle forza o deporte local. Cremos no proxecto de futuro do Valinox Novás e no traballo que están a realizar. Tras varias reunións  confiamos no gran talento que alberga o club, por tanto, esperamos compartir e celebrar os éxitos que están por vir”.

Desde o Valinox Novás, queremos expresar o noso profundo agradecemento a Iago Carleos, xerente de Nebrinox, por sumarse ao noso proxecto e contribuír ao crecemento e desenvolvemento do deporte na nosa comunidade. Xuntos, esperamos alcanzar novas metas.