O Valinox Novás regresa ao Pavillón Municipal do Rosal este sábado ás 18:00 horas para recibir ao BM Reconquista de Vigo, nun encontro no que os de O Rosal buscarán prolongar o seu impecable inicio de tempada e manter o liderado da categoría.

Os rosaleiros chegan ao choque con pleno de vitorias e sensacións inmejorables. A tempada arrancou cun contundente triunfo na casa ante o Sermarther Ciudad de Tacoronte (36-20) e continuou con triunfos a domicilio fronte ao Gáldar Gran Canaria (22-30), Bueu Atlético Balonmán (26-35), BM Culleredo (39-27), Calvo Xiria (31-37), así como diante do Lirón Teucro (34-18) e Automanía Luceros (22-37). Unha serie perfecta que reflicte o alto nivel competitivo do equipo. Pola súa parte, o BM Reconquista de Vigo chega 10º na clasificación con 6 puntos dos 14 posibles. O conxunto vigués suma importantes vitorias ante Balonmano Ingenio (34-33), Granitos Ibéricos Carballal e BM Ribeiro Rodosa Ourense Provincia Termal, mentres que caeu fronte a BM Porriño, BM Lanzarote Ciudad de Arrecife, Sermarther Ciudad de Tacoronte e Gáldar Gran Canaria. Un equipo competitivo, cun núcleo sólido e capacidade para poñer en dificultades a calquera rival.

No plano goleador, o duelo promete emoción. Diego Prada, máximo artilleiro do Valinox Novás, acumula 57 dianas en sete encontros, mentres que Andre de Moura ˘lvarez, referencia ofensiva do Reconquista, lidera non só ao seu equipo senón tamén á categoría con 78 goles.

Declaracións:
🗣 Guillermo Artime, adestrador do Valinox Novás “O Reconquista é un equipo perigoso, con xente con moito gol como Andre de Moura e unha boa portería. Teremos que estar moi concentrados e facer un bo partido para levarnos os dous puntos. Estamos nunha boa liña e temos que seguir traballando e mellorando para manter este nivel e poder brindarlle á nosa afección unha nova vitoria na casa.”

🗣 Pablo Miana, porteiro “Esta semana volvemos xogar na casa, esta vez fronte ao Reconquista. Chegamos con boas sensacións tras varios partidos nos que amosamos unha boa dinámica. Queremos manter esta liña, ser fortes no noso pavillón e ofrecerlle á afección un gran partido. O equipo está traballando con moita intensidade e compromiso, e iso nótase na pista. Tentaremos impor o noso ritmo en ataque e defensa para seguir consolidando o traballo destas semanas.”

🎟 Cita co mellor balonmán este sábado no Rosal O Valinox Novás chama á súa afección a encher o pavillón e empurrar ao equipo