O Local Baixo de A Liga acolleu un emotivo evento no que o Valinox Novás presentou oficialmente tanto ás súas categorías base como ao primeiro equipo, nun acto que puxo en valor o futuro e o presente deportivo e humano da entidade.
A presentación estivo dirixida por Aitana del Mar, quen guiou o acto con cercanía e emoción, creando unha atmosfera especial para xogadores, familias e afección.
Durante a xornada, as adestradoras e adestradores da base tomaron a palabra para compartir os obxectivos desta nova tempada, centrados no crecemento individual e colectivo dos seus equipos, e salientaron os valores que definen á familia do Novás: compañeirismo, esforzo, humildade e paixón polo balonmán.
Tamén houbo espazo para o primeiro equipo, que foi presentado ante a afección co compromiso e a ambición de afrontar unha nova campaña cargada de retos.
Como xesto de recoñecemento e pertenza ao club, todos os xogadores e xogadoras recibiron un obxecto moi especial: unha taza personalizada, simbolizando o “almorzo dos campións” co que comezar cada xornada chea de enerxía e ilusión.
O acto contou tamén coas intervencións de Iago e do presidente do club, quen agradeceron a presenza e o apoio constante das familias, fundamentais nunha tempada pasada que non resultou doada. Ambos puxeron en valor a dedicación e entrega de César Armán, subliñando que os éxitos acadados, entre eles contar con tres equipos en Liga Ouro, son froito do proxecto iniciado por el e do seu compromiso co Novás.
O evento rematou cun forte aplauso e coa ilusión posta nunha tempada chea de retos, aprendizaxes e moito balonmán.










