Sábado 26 de outubro | 12:00 h | Pavillón Municipal O Gatañal
O Valinox Novás afronta este domingo unha nova xornada, desta volta como visitante, nun dos pavillóns con máis carácter e ambiente do balonmán galego: O Gatañal, onde a afección empurra con forza antes, durante e despois de cada encontro, independentemente do resultado. Alí agarda o Automanía Luceros, un rival sempre competitivo e especialmente perigoso cando xoga na casa.
Os rosaleiros chegan ao choque con pleno de vitorias, amosando unha das mellores versións do equipo. A tempada comezou cun contundente triunfo no Rosal ante o Sermarther Ciudad de Tacoronte (36-20) e continuou con vitorias fronte a Gáldar Gran Canaria (22-30), Bueu Atlético Balonmán (26-35), BM Culleredo (39-27), Calvo Xiria (31-37) e unha gran actuación o pasado fin de semana ante o Lirón Teucro (34-18). Pola súa parte, o Automanía Luceros chega cun balance de catro vitorias e dúas derrotas. Suman triunfos fronte a Granitos Ibéricos Carballal (30-29), BM Porriño (34-36), BM Ribeiro Rodosa Ourense Provincia Termal (31-36) e Sermarther Ciudad de Tacoronte (33-31), e só cederon ante BM Lanzarote Ciudad de Arrecife (23-31) e Gáldar Gran Canaria (31-30), nesta última encaixando un gol decisivo nos instantes finais.
No apartado ofensivo, o partido reúne a dous dos máximos goleadores da categoría: Diego Prada, referencia do Valinox Novás con 42 goles en 6 encontros, e Iago Iglesias Marchena, estrela do Luceros e segundo máximo artilleiro da liga, con 47 goles en só 5 partidos.
Declaracións dos protagonistas
Guillermo Artime, adestrador do Valinox Novás, destaca o potencial do rival e mantén a ambición do equipo: “Enfróntamonos a un equipo novo, con bos xogadores, que está a facer un inicio de liga moi positivo. Veñen de perder en Gáldar encaixando un gol no último segundo, e seguro que teñen ganas de levarse os dous puntos.
O equipo está traballando ben e queremos manter as boas sensacións. O obxectivo é seguir medrando semana a semana.”
Pola súa parte, o capitán Iago Flores fala coa mesma prudencia que ilusión: “Este domingo xogamos un partido moi importante, contra o filial dun ASOBAL, con xogadores en dinámica de primeiro equipo. Temos que facer un partido moi serio para facer bos os puntos da semana pasada contra o Teucro. Estamos en moi boa dinámica, pero non hai que quitar o pé do acelerador para non levar sustos.”
O choque no Gatañal preséntase así como unha dura proba para un Valinox Novás que está a transmitir fiabilidade, intensidade e unha gran conexión coa súa identidade competitiva. Un encontro con dous proxectos en crecemento, talento novo e moito en xogo neste arranque de tempada.


