Sábado 27 de setembro | 19:30 h | Pavillón Pablo Herbello

O Valinox Novás enfróntase este sábado a un reto complicado: visitar a pista do Bueu Atlético Balonmán, nun duelo que marcará o primeiro enfrontamento galego da tempada. O partido, programado para as 19:30 horas no Pavillón Pablo Herbello, promete intensidade, emoción e un choque de estilos que manterá aos afeccionados ao borde do asento.

Os rosaleiros chegan ao encontro con pleno de vitorias nas dúas primeiras xornadas. A tempada comezou cun contundente triunfo na casa ante o Sermarther Ciudad de Tacoronte (36-20), e continuou con outra vitoria fóra de casa contra o Gáldar Gran Canaria (22-30). Pola súa parte, o Bueu Atlético Balonmán acumula unha vitoria e un empate axustado: gañou ao Gáldar Gran Canaria (35-30) e sumou un empate no último segundo ante o Disiclín Balonmán Lalín (30-30).

No apartado goleador, ambos equipos presentan líderes ofensivos a ter moi en conta. Bruno Vázquez Núñez, máximo artilleiro do Valinox Novás, anotou 12 goles nos dous encontros disputados, mentres que Diego Pérez Alonso, referente do Bueu Atlético Balonmán e un xogador moi coñecido polo Valinox Novás, tamén suma 12 tantos.

O adestrador do Valinox Novás, Guillermo Artime, prevé un partido esixente: “Xogamos contra un equipo que o ano pasado fixo unha boa campaña e que mantén o bloque da tempada pasada, máis un par de incorporacións que lle dan bastante calidade nas rotacións. É un dos campos complicados da liga, un rival que sempre che pon as cousas difíciles e a verdade é que agardamos un partido bastante, bastante duro. O equipo ten que estar moi ben para sacar os dous puntos aí en Bueu. Imos coa ilusión de manter a liña que levamos, que o equipo siga medrando e traballando, e poder sacar os puntos”.

Pola súa parte, Nico López destaca a concentración que esixirá o duelo:

“Esta xornada volvemos xogar de visitante e vai ser o primeiro equipo galego co que nos toca xogar. Polo que vimos, é un bo equipo, moi completo, notase que está traballado e complétanse ben. Nós temos que volver facer un partido moi serio, estar concentrados os 60 minutos e dar todo para traernos outros dous puntos”.

O choque deste sábado non só enfrontará a dous conxuntos que arrancaron a tempada en bo nivel, senón que tamén amosará o duelo dos máximos goleadores da liga galega ata agora. Todo apunta a un partido intenso, con alternativas, ritmo rápido e a emoción propia dos derbis galegos.