O pavillón do Rosal vestirase de gala este sábado 13 de setembro ás 19:00 horas para acoller o primeiro encontro oficial do Valinox Novás na tempada 2025/26. O rival será o SERMARTHER Cidade de Tacoronte, nun duelo que non só inaugura a competición ligueira, senón tamén unha nova etapa para o club coa chegada de Guillermo Artime ao banco.

Tras seis semanas de intenso traballo, o conxunto vermello chega con ilusión renovada e con ganas de demostrar a súa evolución. Durante a pretempada, o equipo disputou varios encontros de preparación que serviron para afianzar conceptos, probar variantes tácticas e consolidar a cohesión dun vestiario no que conviven xuventude e experiencia.

O novo adestrador, Guillermo Artime, compartiu as súas sensacións antes deste debut oficial: “Despois de 6 semanas de pretempada comezamos a competición oficial. Xa tiñamos ganas de competir. O balance da pretempada é bastante positivo. Máis alá dos resultados, as sensacións que deixou o equipo foron moi boas. Creo que o grupo foi medrando semana a semana e as conclusións son positivas. Agora tócanos enfrontarnos a un rival que supón unha incógnita, porque cambiou de adestrador e incorporou xogadores novos como Seka Gallart ou Adrián Yumar. Xunto ao bloque que xa tiñan o ano pasado, conforman un equipo competitivo que seguro nos porá as cousas difíciles. Pola nosa parte, afrontamos este encontro coa máxima ilusión, coa intención de seguir medrando, facer un bo partido e, por suposto, sumar os dous primeiros puntos.”

Pola súa banda, o capitán do equipo, Iago Flores, tamén destacou a importancia do choque: “É o primeiro partido de liga na casa da era Artime. Vimos de realizar unha moi boa pretempada, pero agora comeza a liga, e é unha competición completamente diferente. Tacoronte é un equipo con experiencia na categoría, que nos obrigará a dar o mellor de nós. Imos saír con todo para comezar a tempada cunha vitoria. Ademais, esperamos un pavillón cheo, como xa ocorreu durante a pretempada. A nosa afección nunca falla, e contar co seu apoio dálle ao equipo un plus de motivación que se nota en cada partido.”

O duelo do sábado preséntase, polo tanto, como unha cita clave para abrir con forza a tempada e marcar o rumbo desta nova etapa. O club fai un chamamento a toda a súa masa social, simpatizantes e amantes do balonmán da comarca para que acudan ao pavillón e animen ao equipo neste gran estreo da era Artime.

No Rosal respírase ilusión, compromiso e moitas ganas de ver rodar o balón. A temporada bótase a andar, e o Valinox Novás quere facelo cun triunfo que reforzaría a confianza dun proxecto que arrinca con forza e ambición.