O vindeiro xoves 21 de agosto ás 20:30 horas, o Pavillón Municipal do Rosal acollerá o Trofeo Concello do Rosal, no que o Valinox Novás se medirá ao Frigoríficos do Morrazo Cangas, equipo da Liga ASOBAL. Será o primeiro amigable da tempada 2025-26 para o conxunto rosaleiro, que este ano competirá en Primeira Nacional.
O encontro será unha ocasión perfecta para que a afección vexa en acción ás novas incorporacións e coñeza o estado de forma do equipo despois das primeiras semanas de adestramentos.
Declaracións institucionais
O concelleiro de Deportes, Educación e Turismo, José Carlos Martínez Crespo, subliñou:
“O noso equipo enfróntase ao Frigoríficos do Morrazo Cangas, unha excelente oportunidade para que as e os seareiros do Novás poidan ver as novas incorporacións e a forma do equipo para a tempada en Primeira Nacional. O Concello do Rosal non só colabora neste evento, senón que vai estar ao lado do Novás durante a nova tempada. Agardamos contar con vós coa entrada de balde ás 20:30 no municipal”.
Declaracións técnicas
O adestrador do Valinox Novás, Guillermo Artime, sinalou:
“É o primeiro partido contra o BM Cangas e utilizaremolo como unha proba. Queremos ver en que nivel estamos, como van os rapaces, se estamos asimilando ben o modelo de xogo que queremos instaurar e se xa se empezan a ver cousas do equipo que queremos ser. Ademais, é unha oportunidade magnífica para volver xuntarnos coa nosa afección, que é un dos grandes piares do noso club, e enganchar a xente para unha tempada que será dura pero ilusionante”.
O capitán, Iago Flores, engadiu:
“Primeiro test desta nova etapa contra un equipo de ASOBAL que nos servirá para ver como estamos despois destas dúas primeiras semanas de pretempada”.
A entrada será de balde, convidando a toda a veciñanza e amantes do balonmán a encher as bancadas e gozar dun encontro que promete intensidade, emoción e espectáculo.

