O Valinox Novás ao sprint para afrontar dous partidos en seis días. O equipo de Samuel Trives percorrerá nunha semana preto de 3.000 km e xogará dous partidos clave para manter as opcións ao ASCENSO
O luns 1 de Maio o Valinox Novás afronta unha xornada crucial para seguir na pelexa polos postos de ascenso á liga Plenitude ASOBAL no histórico Pavillón Municipal Quixote Area para medirse ante o Hiros BM Caserio de Ciudad Real. Un partido aprazado debido á concentración do adestrador do equipo local, Santiago Urinales co equipo os Hispanos Promesas da Real Federación Española de balonmano. Ás 12h da mañá é a hora indicada para que os árbitros do encontro; Enrique Perez Gonzalez e Luís Diaz-Flores Gomez-Calcerrada indiquen o inicio do partido.
O Valinox Novás prepara unha semana atípica xa que o sábado á noite o equipo desprazaranse a Ciudad Real para disputar o partido do Luns ás 12h e o venres 5 farano a Málaga para disputar a quinta xornada da Fase polo título (Trops Málaga Vs Valinox Novás sábado 6 de Maio ás 17h.) un total de 3.000km en apenas unha semana. O conxunto dirixido por Samuel Trives levará a cabo tres sesións de adestramentos máis antes do partido ante Hiros BM Caserio de Ciudad Real, venres e sábado adestrarán no Pavillón Municipal O Rosal e o domingo, xa en terras Manchegas, realizarán a última sesión previa ao encontro. Iago Flores cóntanos que o equipo se atopa motivado para conseguir os 4 puntos en xogo “Son 2 partidos en 6 días, o único hándicap é que son dous partidos fóra de casa, coa súa respectiva viaxe, e iso limítanos un pouco a preparación de partido e nos “descoloca” a planificación habitual de adestramentos pero imos coas ganas de conseguir os 4 puntos desta semana.”
O Hiros BM Caserio de Ciudad Real chega ao encontro clasificado na 6º posición con 6 puntos, a un punto do 5º clasificado (Barça Atlètic) mentres que o Valinox Novás está 4º con 12 puntos empatado ao Trops Málaga clasificado na 3º posición. Tanto o Valinox Novás como Hiros BM Caserio de Ciudad Real contan cun partido menos. Os xogadores ofensivos destacados por parte do Hiros BM Caserio son; Jose Andres Torres Galan e Angel Perez De Inestrosa Palomares con 19 e 18 goles respectivamente nos tres partidos disputados desta segunda fase, e por parte do Valinox Novás máximos goleadores desta 2º fase de son Germán Hermida Nuñez e Oriol Teixidor Vilanova con 10 goles cada un nos tres partidos de fase disputados.
Iago Flores ve o partido fronte ao Hiros BM Caserio de Ciudad Real como “un partido da chamados trampa, é un equipo moi rápido, que xoga ben á contra e ten as ideas moi claras en ataque. Considero que é o equipo revelación este ano e ten moito mérito o que están a conseguir, se está na fase polo título é por mérito propio, e así o están demostrando.” Doutra banda Flores tamén nos dá unha pista por onde pode estar a diferenza que lles faga traerse os dous puntos O Rosal “A clave creo que está na nosa defensa, se estamos duros atrás e cortamos a súa conexión co pivote teremos moitas máis opcións. En ataque debemos estar acertados e minimizar as perdas de balón para non darlles opción de xogar a súa contrataque, que é un dos seus puntos fortes.”
O club organizou o desprazamento para os socios que desexen viaxar co equipo a Ciudad Real. As prazas son limitadas e todo aquel que queira ir pode reservar a súa praza chamando ao 660928686 ou a través dun e-mail a info@atleticonovas.com.